sábado, 31 de octubre de 2009

O DEBUXO E A PINTURA


Co xesto e a voz, o debuxo é unha linguaxe antiquísima e universal, coa que se expresan e describen para a súa comunicación imaxes do mundo circundante, ou ben inventadas nas súas formas ou na súa asociación.

O ser humán sempre tivo a necesidade de representar todo o que o arrodea, atopando no debuxo o medio máis deleitoso para realizar este desexo. Os primeiros debuxos remóntanse ao Paleolítico, fai 35.000 anos, cando o Homo Sapiens representaba sobre as superficies rochosas das covas animais que cazaba. Un exemplo desta manifestación artística atopámola nas pinturas rupestres das covas de Altamira, en Cantabria.

Os exipcios souberon valerse desta arte para decorar as construcións máis impoñentes da historia, as pirámides. Pasaron milleiros de anos e o debuxo evolucionará substancialmente. Pasarase da composición monotonal e estática da prehistoria ao equilibrio, minuciosidade e colorido das representacións teolóxicas dos templos e santuarios. Agora facía falla detallar e figura dos deuses para recoñecerlles o esplendor do imperio exipcio.

Habería que avanzar ata o século VI a. de C. para atopar, nos gregos, os máximos representantes do equilibrio no debuxo. Preocupados por centrarse na expresión cándida humana, despóxana de todo abelorio ou connotación sobrenatural, conseguen centrarse e obteñen as proporcións consideradas harmónicas ata o momento. Velaquí a unidade e afinidade entre a realidade e a figura.

Os romanos, 500 anos despois aportaron a diversidade que faltaba. Manter outro imperio sobre un territorio tan extenso precisaba dun exército e unha disciplina exemplar para someter a tantas culturas diversas baixo o mesmo mando. Eso facilitou, en certa parte, o abandono o artístico e ornamental para achegarse a unha doutrina máis práctica e útil. Para esa época facían falla sólidas edificacións coas que manter a autoridade sobre os continuos ataques dos invasores. Obtiveron no debuxo o medio para reflectir o que sería as próximas construcións, xurdiron os primeiros planos e con eles naceu a arquitectura. O debuxo técnico xa precisaba de maior técnica e coñecementos matemáticos que que se forxara ata o momento.

Da Idade Media, séculos VIII a XV é onde se conservan un número maior de obras íntegras. Durante esta etapa predominan as representacións vivaces. Volve a imporse a espectacularidade e os aderezos, sen dar oportunidade de actuar a cor, simplemente é o trazo o encargado de marcar o detalle. A invasión árabe introduce un revolucionario soporte para o debuxo e a pintura: o papel. Invención chinesa que facilitará que a ilustración deixe de ser unha actividade exclusiva dos monxes sobre pergameos de canas e pel, para converterse en algo máis alcanzable para a poboación. É a partir dese intre cando se pode manifestar o resplandor da cor.

Dende Italia e avanzando entre a etapa gótica, segunda metade do século XV, o Renacemento desentendese do relixioso. Agora o importante é recoñecer a beleza e sabela expresar. Baseándose na civilización artística greco-romana (rexorde o antigo), volve a imporse o natural e escueto. Os magnates déixanse reflectir os seus bustos e multitude de retratos. A mera decoración queda arrinconada e o desnudo feminino comeza a apoderarse dos temas principais nas creacións e vóltase ao estudo da figura humana. O debuxo ascende ao volumétrico grazas ás novas técnicas de coloreado. O xogo de luces e sombras, xunto coa perspectiva, achega aínda máis a realidade ao debuxo. Unha manifestación de artistas demostran este novo desenrolo: O Greco, Miguel Ángel, Sandro Boticelli, Leonardo da Vinci...Este último destaca sobre os demáis polo seu afán de investigación. Recolle baixo as súas obras estudos de anatomía, invención de artiluxios e unha nova maneira de empregar a iluminación no debuxo. O esfumato disipa a liña pechada do contorno do debuxo para aumentar a profundidade e, dese xeito, o que se persegue desde entón: o achegamento ao natural. Por tanto, o debuxo deixa de ser algo espontáneo e subxectivo para converterse nunha verdadeira disciplina.

O Barroco, utilizaba ata a esaxeración todos os recursos aportados, para expresar desde a calamidade da pobreza ata o fastuoso da riqueza. Rómpese a rectitude e uniformidade nas representacións pictóricas e inténtase ao máximo conmover e atraer ao espectador.

A partires do século XIX rómpese a continua uniformidadeque seguira o debuxo e ramifícase en multitude de estilos: romanticismo, realismo, impresionismo, expresionismo, fauvismo, cubismo, futurismo, surrealismo... Non embargantes, todos eles utilizaron o aportado ata ese momento como ferramenta para expresar novos enfoques da sociedade que están vivindo.

O ESTARCIDO


Estarcir é estampar debuxos mediante unha plantilla que está previamente recortada.

Os chinos desenrolaron os primeiros pasos de estarcidos cando comezaron a gravar sobre pedras. Case ao mesmo tempo, no antigo Exipto, pódense atopar estarcidos repetitivos nos sarcófagos.

Ao chegar a época clásica, as teas eran decoradas por medio de plantillas, que podian ser da pel dalgún animal como a cabra ou a ovella. Os manuscritos gardados nos mosteiros erixidos durante a Idade Media empregaban este método para as ilunstracións.

A Italia renacentista comezou a ensinar o estarcido nas escolas, dándolle por primeira vez a este arte un ar didáctico. O teatro das sombras beneficióuse desta técnica para recortar personaxes e sumerxilos no mundo da ilusión do trasluz.

Para que se producira o verdadeiro “boom” do estarcido, esta técnica tivo que atravesar o Atlántico e chegar ao territorio americán da década dos 60.

Despóis de tér o deseño feito, podemos empregar: plástico transparente para a realización das plantillas, unha superficie de papel, madeira ou ieso, esponxa, aerógrafo, pincél ou rodillo para aplicar a cor...

A XILOGRAFÍA

Estas gravuras están inspiradas nalgunhos contos populares recollidos e publicados por Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Isaac Ferreira no seu libro “CONTOS DO VALADOURO”


Estas gravuras representan diferentes exemplos do BESTIARIO GALEGO


Do termo grego “xylon” madeira e “grafia” escritura.

Arte de gravar na madeira . A xilografía emprégase na China dende o século VI.
Gravado en relevo ou en oco, realizado a partires dunha matriz de madeira. Procedemento de gravar unha superficie de madeira para obter unha estampa.

A xilografía é a técnica mais antiga do gravado, as súas orixes en Europa datan do século XII . A fináis do século XIV e primeiros do XV desenrólase polos Paises Baixos, Alemaña e Francia. Esta téccnica estivo ligada dende os seus comezos –ata a aparición da fotografia- ao libro ilustrado. A xilografía primitiva foi un medio popular de producción masiva de imaxes e acadóu as suas máximas cotas artisticas con Alberto Durero.

O proceso xilográfico consiste en deixar en relevo aquelas partes do bloque de madeira que corresponden ao debuxo, mentras que o resto hai que valeiralo.No intre de imprimir entíntase a superficie que sobresae. Para entintar necesitamos tinta, unha espátula, un rodillo – cilindro – e unha superficie onde bater a tinta. Para imprimir, papel e unha prensa ou calqueira ferramenta coa que facer presión. As madeiras que se usan para gravar poden ser varios tipos , ainda que , en función do grao de dureza e densidade pódense obter resultados distintos…

viernes, 30 de octubre de 2009

O CARTEL

A capacidade de combinar a palabra e a imaxe. Ao comezo os carteis eran reproducidos en bloques de madeira (xilografía) con graburas en metal. O desenvolvemento do proceso litográfico de tres cores de Chéret abriu a fenda que permitiu que os artistas acadaran cada cor do arco da vella con tan só tres pedras -xeralmente vermellas, amarelas e azuis- impresas nun rexistro coidadoso.

Durante 1890 en plena Belle Époque en Francia, a afeizón polo cartel estaba en plena floración. En 1891, o primeiro cartel de Toulouse Lautrec, “Moulin Rouge”, elevou o estado do cartel á categoría de arte. En 1894, Alphonse Mucha (1860 – 1939) creou a primeira obra mestra do cartel de Art Nouveau. O estilo florido de Mucha nace do decurso da noite cando o artista foi presionado para producir un cartel para Sarah Bernhardt, a brillante actriz que tomara Paris. Con influencias pre-rafaelistas e da arte bizantina. Este estilo dominou a escea parisina nos dez anos seguintes e convertiríase no principal movemento decorativo internacional da arte ata a 1ª Guerra Mundial.

O cartel foi introducíndose vagarosamente noutros países, pero a partires de 1880, aceleraríase a súa popularidade. A 1ª Guerra Mundial e a Revolución Bolchevique significaron un novo papel do cartel, a propaganda, de xeito que a guerra supuxo a campaña publicitaria máis grande ata o de agora; desde recadar diñeiro a soldados de recrutamento, incitar á produción ou provocar ultraxes e atrocidades nas liñas inimigas. América soamente, produxo preto de 2.500 deseños e aproximadamente 20 millóns de carteis, case un cartel para cada catro cidadáns en pouco máis de dous anos.

Entre as guerras mundiais trunfaron o Modernismo e a Art Déco. Despois da 1ª Guerra Mundial a inspiración orgánica da Art Nouveau parecía inaplicable nunha sociedade cada vez máis industrial. As novas realidades foron expresadas mellor nos movementos modernos do cubismo, do futurismo, do dadaismo e do expresionismo, que tería unha fonda influencia no deseño gráfico. Na URSS o movemento constructivista tomou o liderazgo nos anos 20 coa meta de crear unha nova sociedade tecnolóxica. O suprematismo de Kasimir Malevich, a consecuencia rusa do cubismo e o futurismo; o constructivismo desenvolveu un estilo de “axitación” da composición, marcado polas diagonais, fotomontaxes e cores primarias. Guiados por El Lissitzky, Alexander Rodchenko, Gustav Klutsis e Sternberg, o traballo dos constructivistas tería un influxo importante no deseño occidental, sobre todo a través da Bauhaus e do movemento De Stijl.

O cartel xogou outra vez un papel importante na comunicación da 2ª Guerra Mundial, pero esta vez compartía o traballo con outros medios, principalmente a radio e a impresión. Por este tempo a maioría dos carteis foron impresos usando a técnica do ofset, que permitía grandes e rápidas tiradas. Con raizames na Bauhaus, o estilo tipográfico internacional (International Typographic Style) converteuse no estilo gráfico predominante do deseño no mundo nos anos 70 e aínda segue exercendo a súa influencia hoxe.

Co Post-Modernismo e a era do ordenador o estilo tipográfico internacional comezou a perder a súa enerxía polos 70 e 80. Un profesor xove de Basilea, Wolfgang Weingart, guiou a revolta que levou ao estilo gráfico predominante de hoxe, coñecido libremente como Post-Moderno. O papel e o aspecto do cartel cambiou continuamente durante o último século para resolver as necesidades cambiantes da sociedade. Aínda que o seu papel é menos central que hai cen anos, o cartel segue a súa evolución nos novos soportes como a computadora e Internet, que están revolucionando a comunicación no século XXI.

martes, 27 de octubre de 2009

O MONOTIPO


O monotipo, un dos medios clásicos actuais máis selectos, que combina o concepto pictórico, o xesto, a cor e a textura coa técnica gráfica de estampación. Tradicionalmente, dende o século XVII, realízanse con planchas de metal. A partires da segunda metade do século XX, usáronse con cristal e metacrilato en alternancia; na actualidade é o policarbonato o material que polas súas cualidades se impón como o máis axeitado.

Foi o xenovés Giovanni Benedetto Castiglione (1610 - 1665), pintor e gravador, quen inventou este medio de estampación, pero non do gravado propiamente dito, ao que sempre se vencella a pesares de que non hai nin corte nin incisión algunha na matriz.

Defínese o monotipo como un procedemento de estampación que consiste en pintar a composición sobre unha plancha de metal: cobre ou zinc, xa con cores ao óleo ou con tintas de impresión graxas e acuosas. Antes de que sequen colócase o papel enriba e presiónase para que este recolla a imaxe pintada na matriz. A presión pode ser manual ou con tórculo.

Ademais desta forma de aplicación directa hai outras. Entre as máis frecuentes pódese destacar a que imita a maneira negra, tamén chamada "por sustración". Nesta, procédese cubrindo toda a superficie da plancha cunha capa fina de tinta negra; a continuación cun bastonciño, lapis ou pincel, ao tempo que se quita a tinta, debúxase a imaxe. que queda branca (liña lencográfica) sobre fondo negro. Outra modalidade é "a maneira de lapis", aquí cóbrese toda a plancha cunha capa de tinta, enriba colócase o papel e, sobre del, cun lapis, un mango de pincel ou, cunha punta redonda, debúxase e presiónase ao mesmo tempo, de tal xeito que a tinta pégase no papel seguindo a marca do debuxo. O resultado é intencional e un pouco tremuloso segundo a textura do papel e a presión que se exerza, unha presión que, evidentemente, é manual.

Outra variante da monotipia é a monoestampa, que consiste en pintar sobre unha matriz gravada ou ben modificar as estampas, tanto calcográficas como litográficas con outros medios gráficos, como acuarela, gouache, imaxe dixital, transfers, etc. aplicados directamente sobre ela.

En xeral, con calquera destas maneiras obtense unha imaxe a miúdo de perfís indeterminados e que acostuma a presentar unha atractiva apariencia acuarelada.

A denominación monotipo foi ideada a finais do século XIX, nun momento en que estivo moi en boga, pois os primeiros pintores impresionistas e postimpresionistas o practicaron nas súas diversas modalidades.

Foron moitos os pintores de renome que realizaron excelentes monotipos e monoestampas en todas as súas variantes, entre eles destacan: Degas, Pissarro, Gauguin, os norteamericanos Whistler e Maurice Prendergast -coas súas evocacións do fin de siecle-, Matisse, Picasso, Avery, etc. Entre os contemporáneos: Jasper Johns, Jim Dine, Baselitz, Sam Francis, Sean Scully, entre outros.

AS VIDREIRAS


Os vitrais xa eran usados nos templos da época románica pero chegan a seu apoxeo na arquitectura gótica e renacentista, xeneralizándose dende o século XIII. Presentan neste século, como no anterior, a forma de mosaico no fondo, con varios compartimentos ou medallóns de figuras en serie de arriba abaixo, representándose en cada un algún asunto relixioso, histórico ou simbólico, pero sen levar máis dunha cor cada fragmento de vidro (agás o esmalte de cor gris negruzco que se engade para trazar algúns perfís e contornos das figuras).

No século XIV, os devanditos compartimentos fanse de maior tamaño, o mesmo que as figuras, que se van situando illadas dentro da súa oxiva e debaixo dun doselete e téndese a imitar con elas algo mellor o natural, engadíndolles o claroscuro de esmalte gris e ás veces a cor amarela mediante o amarelo de prata.

No século XV e comezos do XVI, as imaxes son aínda maiores e están como pechadas en templetes góticos, ourizados de torreciñas e, ademais das cores gris e amarelo, engadidos por un esmaltado de vidro, introdúcese ás veces a cor vermella, tamén polo mesmo procedemento úsanse vidros dobles (incoloro un e coloreado o outro) para modificar a cor do fragmento respectivo.

No século XVI, elabóranse vitrais dunha peza con vidro incoloro, pintándoas con esmalte gris (grisallas) e a mediados do mesmo século invéntase o xeito d esmaltar de diferentes cores un anaco calquera de vidro, o que deu por resultado o dispoñer de vitrais como se fosen lenzos ou táboas de pintura economizando así moitos accesorios de chumbo para armar as pezas. Esta clase de vitrais moito menos transparentes e brillantes que as da época anterior, pertence xa ao estilo renacentista e distínguese, amais do dito, pola soltura e liberdade con que aparecen as figuras desligadas de templetes e combinadas con escudos heráldicos, etc.

Entrado xa o século XVII. van substituíndose por mosaicos xeométricos de vidros de cores os fermosos vitrais precedentes, desaparecendo así a verdadeira arte que tanto brilou na Idade Media. Escasos poden contarse os vitrais historiados dos séculos XVII e XVIII. No XIX, imítanse as obras dos anteriores con variados gustos dende o Románico do século XII ao do Renacemento do XVI.

Vitrais románicos importantes: Na catedral de Le Mans, na de Sens ou de Saint-Pierre de Poitiers, na Basílica de Saint-Denis en Paris...

Considérase como os vitrais máis importantes do mundo os da Catedral de Chartres, amais dos da Catedral de León, Toledo, Burgos, Ávila , Barcelona, Colonia... Todos eles en estilo gótico e oxival.

Vitrais contemporáneos: No século XX a arte moderna representada por Chagall, Rouault e outros grandes pintores, voltará a deseñar cartóns para confeccionar vitrais que continuarán tendo o seu espazo na Historia da Pintura.

viernes, 16 de octubre de 2009

O MOSAICO

A temática deste mosaico (que arrodea parte do edificio do Colexio Público de Cervo) ilustra os xogos populares infantís, a natureza, a ecoloxia e o medio ambiente.Está feito en colaboración miña, os nenos e os seus mestres.

Mosaico feito por alumnos e profesores deste centro educativo a partires dun deseño onde trato de plasmar a realidade física e histórica do Valadouro, dun xeito cronolóxico, escomenzando a súa lectura dende arriba (os Penidos) ata abaixo (onde se atopan o rio e o mar)


Mosaico da Escoura, que recolle a tradición da malla de trigo e as labouras do campo



Mosaico de Rueta, representación do castro


O mosaico é unha arte decorativa que utiliza teselas (fragmentos pequenos de cristal, mármore, cerámica ou pedra) para crear imaxes ou debuxos. Son moitas as adaptacións e as variacións de temas, material, cor e aplicación que se foron explorando ao longo do tempo. O método de elaboración é o mesmo que hai séculos e, a pesares de ser unha arte antiga, sobreviviu ao paso do tempo e cada vez faise máis popular.

A historia dos mosaicos está, dalgún xeito, fragmentada, xa que era unha arte moi practicada nalgunhas épocas, posteriormente deixaban de facerse durante séculos e reaparecían con éxito moitos anos despois en civilizacións aparentemente inconexas.

Os primeiros mosaicos coñecidos descubríronse en Asia Menor e na antiga China e consisten nuns sinxelos debuxos con seixos. Co tempo, as imaxes volvéronse máis refinadas. Para conquerir un maior detalle, os seixos colocábanse moi xuntos, algúns deles pintados para aumentar a gama de cores, e posteriormente, os contornos resaltábanse cun chumbo. As teselas introducíronse cara o século IV a. de C. Eran fragmentos de pedra de forma cúbica, o cal permitía colocar as pedras moi xuntas. As imaxes gozaban de maior definición.

Os antigos gregos comezaron utilizando seixos para cubrir solos. Os aztecas servíronse do mosaico para cubrir obxectos cerimoniais con pedras preciosas. En Pompeia utilizáronse os mosaicos para dar sensación de espazo. As igrexas bizantinas cubríronse cuns escintilantes mosaicos con iconos relixiosos, esceas bíblicas e imaxes celestiais.

As conquistas, o comercio e a relixión fixeron medrar os imperios e acrescentar a demanda de mosaicos. Os artesáns viaxaban e aprendían novas técnicas, que foron mellorando ata que o mosaico se extendeu por todo o mundo.

Os romanos deron un novo impulso ao mosaico, xa que coa expansión do seu imperio medrou a demanda de ornamentación para os solos e o uso desta forma decorativa popularizouse. Actualmente aínda se conservan exemplos de mosaicos dunha grande variedade de estilos e temas; esceas da vida cotiá, estudos de paxaros e outros animais, deseños abstractos, etc. No século III moitos mosaicos recollían imaxes sagradas e foi entón cando se introduciu o uso de teselas de vidro e de ouro, unha técnica que máis adiante dominarían os primeiros cristiáns.

No decurso dos máis de mil anos que durou o Imperio Bizantino (Séculos V a XV), os mosaicos convertéronse nunha manifestación artística moi especializada. Extendéronse moito as teselas de vidro (esmaltes) ata o punto de seren as únicas utilizadas polos bizantinos. Os esmaltes de cores parecidos ás xoias poñíanse no morteiro formando pequenos ángulos para aproveitar a súa capacidade de reflectir a luz, e os esmaltes de ouro servían para representar a luz que saía das figuras sagradas. A Igrexa Cristiana converteuse nun dos principais mecenas do mosaico. Por exemplo, o mausoleo de Gala Placidia (Rávena, Italia), igrexa con planta de cruz grega profusamente decorada que no centro da bóveda presenta unha cruz cun fondo azul intenso e estrelas brilantes, os símbolos dos catro evanxelistas nos recantos e campos de vide.

A basílica de San Apollinare Nuovo (Rávena, Italia) mandouna construir o rei godo Teodorico xunto ao seu pazo, arredor do ano 500. Aínda que o ábside está derruído, as partes superiores dos muros están completamente cubertas de mosaicos que recollen 26 esceas da vida de Cristo.

En Rávena tamén hai outras igrexas importantes como San Vitale, que acolle uns extraordinarios mosaicos que representan a Cristo cos apóstoles e o afamado mosaico dos emperadores Justiniano e Teodora coa súa corte. Na basílica de Sta. Sofía de Constantinopla (Istambul, Turquía), atópase o mosaico do "Cristo entronizado" que representa ao emperador Constantino no ano 1042. O retrato da Zoe, que tiña sesenta e catro anos cando voltou a casar, foi substituído por unha imaxe máis xove e bela. A caída do Imperio Bizantino, a mediados do século XV, provocou o declive da popularidade do mosaico.

De Bizancio aos nosos días.

No Renacemento floreceron os micromosaicos, elaborados con teselas pequeniñas colocadas moi xuntas. As formas estilizadas e o uso do ouro deron paso ao realismo pictórico e o mosaico perdeu calidade e converteuse nunha réplica da pintura.

A primeiros do século XX os mosaicos recuperaron a súa popularidade, froito dun crecente interese polas artes decorativas. A Art Nouveau utilizou os mosaicos como forma elevada de decoración e tanto artistas como arquitectos integrárono nas súas obras. O arquitecto catalán Antonio Gaudí cubreu edificios de mosaicos, amosando o camiño a moitos outros mosaiquistas.

Os mosaicos xa non están suxeitos hoxe en dia a unha serie de ideas preestablecidas, como ocorreu nos anos 50.