jueves, 16 de septiembre de 2010

O SOÑO AZUL



(Óleo 81 X 65)

A pomba levoume polo ar… ollei o camiño de Centeás, a Fonte de Río, Cao, Albite, Valado…, nunha reviravolta voei por enriba dos loureiros e fun pousar nunha pola do carballo, e vin os nenos xogando á randea, voltei a voar e pasei o cabanote, a pomba levoume cara a Rozadeixo e voando entre as avelaneiras e carballos do souto de Lobeira fun ás Laranxeiras, por enriba de cerdeiras, prados verdes e campos amarelos de trigo e centeo. A pomba, despóis de facer unha parada no máis alto da casa, colleu o voo e foi pousar na pedra do Coto, onde escoitamos as voces da xente e o abaneo das follas do carballo. Dende alí, por entre as casas, víase o río da Veiga que, asombrado de bidueiras, pasaba en Gatoi. Ao lonxe enxergamos Cabanela, a ponte de Pormaio, Cernadela, Gradaille, O Rego, A Veiga… Máis preto, víase a barbería e a escola de Dna. Mercedes…

A casa, con grandes ollos azuis, que son as xanelas, por onde recibe o primeiro sol do día… tén entre elas unha que está sempre á sombra, é a que dá ao cuarto onde vimos a primeira luz… A entrada da casa é ampla, tén porta-poxigo e na pedra están as marcas desgastadas de tanto afiar as fouciñas que ían cortar o millán, de fronte está o pío de lavar e o cabanote da herba, tén o patín de pedra da solana, lugar de xogos infantís, o “escenario”, o sitio onde nos colocaban para facer aquelas fotos do album familiar nas que se “posaba” para o fotógrafo cunha disposición entre hierática e desconfiada… Alí está o cabozo, alto, ben posto e orgulloso, inaccesible aos roedores pero tenro e agarimoso cos paxaros que facían alí os seus niños; era o lugar onde se gardaban as espigas de millo e as bolas de pan de toda a semana. A cabana de madeira, humilde e cuberta de palla sempre quente e gardadora do carro, dos arados, dos xugos, das cangas e dos gatos a raxeira do sol… Ao seu carón as cerdeiras, os limoeiros, a nogueira, pereiras e maciñeiras, os moitos carreiros e camiños feitos pola pegada humana e animal e os cómaros verdes e floridos de margaridas…

O reloxo da igrexa xa toca as nove do serán e o día vai esmorecendo; as pombas, lentamente, vanse recollendo ao faiado da casa para voltar a voar ao outro día…

Eu tiven un soño… soñéi que voaba nunha pomba… na Estivada.

A roda do andacamiños vai xirando


.

miércoles, 1 de septiembre de 2010

A ESCOLA DE DNA. MERCEDES

(Óleo 130 x 90)

Julia Minguillón pintóu no ano 1941 o seu cadro máis coñecido onde recrea unha escola rural de Vilanova de Lourenzá, “A Escola de Doloriñas”, nela aparecen os nenos ao redor da mestra. Eu fixen algo semellante coa “Escola de Dna. Mercedes”, pero ca diferenza de que eu tamén era un daqueles cativos, o resultado é un cadro “inxenuista” ao igual que inxenuos e humildes éramos todos aqueles nenos.

Dna. Mercedes Fernández López, nacera en Lanzós (Vilalba), viría para San Tomé en plena posguerra, aló polos anos corenta, destinada á “Escuela Nacional de Albite” -sempre me deu que pensar isto pois a escola estaba nas Laranxeiras– vivían con ela os seus pais D. Julián e Dna. Patrocinia e tamén Carme de Xaneiro, que lle facía as labouras da casa. A escola era unha construcción de pedra e de pranta cadrada con patín e escaleiras, tiña tres ventás e a porta da entrada, o cuarto era de táboas con algún burato polo que se podía ver o burro de Carme do Sabelo, que durmía no cortello que había debaixo, cinco ou seis mesas rectangulares cos seus buratos para os tinteiros, cadeiras de madeira, un armario onde había algún libro, a mesa da mestra; e nas paredes, algún santo e o retrato de Franco, os mapas de España e do mundo e o encerado, isto era todo o mobiliario.

Entrabamos polas mañáns con cadansúa pizarra e pizarro e formabamos os nenos á dereita e á esquerda as nenas, alí de pé, e no decurso dunha ou dúas horas, a mestra falábanos, rezabamos ou liamos algo en voz alta. Logo sentabamos ao redor das mesas, nenas e nenos todos mixturados. Dna. Mercedes sentaba na súa cadeira detrás da mesa e, cando faciamos algo de “feira”, tocábanos o timbre de campá para poñer orde… Ela padecía unha enfermidade crónica de ouvido e durmíase con frecuencia, así que cando tiñamos necesidades físicas había que saír fora, pero, previamente, tiñamos que erguer o dedo para pedírlle permiso e ás veces estabamos coa man erguida un bo anaco de tempo ata que espertaba, entón saiamos ás presas, cada un ao seu lugar favorito: o calexón de detrás do cabanón de Pardeiro, o camiño da Verdeal…

Coma tódolos nenos aprendín a táboa de multiplicar de rutina e cantándoa, ¡que pouco me gustaban as matemáticas! menos mal que estaba o meu curmán Emilio para resolver os “quebrados”, “problemas de cálculo” e outras operacións que xa non lembro.

Dna. Mercedes era agarimosa cos nenos, aínda que tiña enriba da mesa unha vara de cana. Os nenos podiamos falar galego –entre nós– con liberdade. Ás veces recitabanos poesías, moitas delas eran de “Santa Teresita del Niño Jesús”; falábanos de moral cristiá e rezabamos moito por “El Caudillo” e máis para que “los rojos no vuelvan”; os venres tocaba limpeza xeral, cantos patrioticos e saúdo á bandeira. Menos mal que, entre todos eses días, chegaba o xoves, era o día de “Libros Bonitos”, que consistía en ler libros, dos que había; lembro que un dos que máis me gustaba era “Corazón”, aquel neno italián que foi dos Apeninos aos Andes. Pero, sobre todo, gustábame o xoves de “Libros Bonitos” porque era o día de debuxar; lembro que tiña con Pepe de Blanco algo semellante a unha contenda por facer o mellor debuxo, entre outras cousas, debuxabamos moitos guerreiros musculosos e coas súas armaduras, pode que tivésemos algunha influenza das historietas do Jabato e do Capitán Trueno que nos deixaba Cesar; tamén das fazañas almogávares de Roger de Flor, que traían aqueles libros de “historia”.

Unha das lembranzas máis vivas da escola son os recreos: as nenas xogaban nun espazo reducido aos seus xogos, pero os nenos invadíamos os arredores, lembro aqueles partidos de fútbol, coa pelota pinchada, que xogabamos na estrada de terra e croios, púñamos de porterías unhas pedras e xogabamos con zocas, ás veces algunha voaba polo ar; as beiras e cunetas estaban completamente redondeadas. Cando, raramente, víamos algún coche que viña por Cernadela ou Pormaio, aínda tiñamos tempo de facer varias xogadas ata que pasaban, case sempre era un camión de madeira que ía para Frexulfe e que seguiamos ata Recaré. Tamén xogábamos aos “escapados” sen saber que eran os maquis; xogabamos tamén as orquestras, facían de palco da música unhas pedras grandes que había alí; Julio de Pedralba era o vocalista ou animador; o electricista instalador era Suso de Sidro, que artellaba o alumeado da festa con xonzas entrelazadas; Pedro da Casanova tocaba o acordeón cunha caixa baleira das gaseosas, tamén tíñamos a batería feita con latas e paus, a trompeta, o saxo, o contrabaixo… Outros días xogabamos aos “chóferes” e faciamos longas viaxes no Fiat Balilla que tiña Pardeiro no cabanón e que xa non andaba. Cando chovía xogabamos “as loitas” ao abrigo do cabanón. Outros xogos eran o guá, a buxaina, os andacamiños, os zancos, os estalotes ou milicroques, os lanzamentos de pedras, os tirafondas… ¡Que envexa tiña dos nenos de lonxe! ¡Canto xogaban polo camiño! A miña casa estaba moi perto da escola… ¡Canta imaxinación con tan poucos medios, en comparanza coa dos rapaces da Play Station!

Dna. Mercedes educou varias xeracións de alumnos dos que hoxe moitos son pais e avós. Vou relembrar os da “miña quinta”, escomenzando pola cabeceira de San Tomé e rematando polo fondal: Moncho de Casabella; Aurora, Pepe e Pedro do Navallo; Carmita, Juan, Manolito e Moncho do Casaldorrico; Julio e Celsa de Pedralba; Angelito e Ramiro de Esqueira, María de los Angeles dos Novás; José Ramón de Carballeira; Anita de Sixto; Isabel de Xusto; Paquita, Moncho e Carmiña de Puñín, Pepe do Xurucido; Luis da Casatellada; Suso de Sidro; Pablo; Pepe, Fina e Carmucha de Blanco; César; Amador de Carreiras; Evaristo e Santiago de Río; Pepe da Verdeal; Magdalena do Canedo; Manolo de Carme; da Estibada, Laura, Lito e Lelo; meus curmáns Quilito, Emilio e Alfonso; e meus Irmáns Mari Carme, Isabel e Toño. Tamén ían á escola, aínda que eran de Santa Cruz, Isabel de Urbano; Isabel do Rato; Carmiña de Vilar; Candito; Rogelio, María Elvira e Moncho da Veiga; Pedro, Lola e Manolo da Casanova; José, Concha e Lela de Cernadela.

Hai moitas máis lembranzas… hoxe fico con aquel arume das flores mesturado co po das tizas do encerado, a lembranza das primeiras letras naquela pizarra de lousa e a afirmación de que a infancia é a verdadeira patria das persoas.

A roda do andacamiños vai xirando
.

sábado, 14 de agosto de 2010

O VALADOURO

O VALADOURO (Óleo 100 x 75)

Conta a lenda que a terra que chamamos Valadouro, -auga moura ou refuxio dun deus solar, se mergullamos na etimología- fora en tempos un lago ou un mar que devecía por seguir o seu camiño desde as fontes do Xistral ata o mar libre de Fazouro, e que vendo que tal non conseguía, rebentóu un contén que había preto da ribeira xusto no lugar da Rabia -que foi por iso así chamada-, e marchou rabeando do Valadouro. A auga encontróuse coa auga, e xuntáronse a doce e a salgada no horizonte, onde o carro solar xungue os seus bois para sulcar o ceo ata os Penidos -hai dous: o Penido Vello e o Penido Novo, que son na ribeira de contra arriba, en San Tomé- e meterse entre os dous: na quente vulva, a correr o frío da noite, para asomar de novo por Fazouro; e tras facer unha parada na Frouseira, por considerar en Todamira as ruínas da que fora casa alta de don Pedro Pardo, continuar a súa doazón de vida e fertilidade sobre o val, sen deixar de espellarse no río, hoxe tan asombrado de amieiros e de freixos; e seguindo o camiño das fragas, -lar de acibros, e esvedros, carballos e avelaneiras-, mergullar outra volta na galla dos Penidos, onde o esperan a Fraga das Lerias, por un lado, e polo outro, a Furna, coas súas pedras glaciares e os seus risos de augas moitas.

Na súa paseata puntual e inevitable, o sol, discreto e silandeiro, ve moito máis do que se deixa ver; pois sabéndose en terras nortesías, pouco dadas aos excesos, vai a modo e calculando ben os pasos, quer disimulado nos nubeiros, quer montado na sela do nordés, para elevarse e evitar unha directa exposición. Que o sol do norte está para o que está; para dar luz -sen afogar-. Moderación e boa prensa. O que queira torrarse, xa se pode ir descolgando polo meridiano. Que aquí son as caras brancas e as colleitas no seu tempo, se cadra un pouco tardías, e non por iso menos gorentosas.

Atravesa Moucide e Budián, onde o mar deitóu pedras xigantescas, ata A Laxe. Por aquí aínda voaba, non hai moito, un corvo branco. Nas planuras de Bacói e Carballido tamén abundan as pedras, moitas delas talladas no barroco das igrexas e das casas grandes, que en Adelán daban pousada aos peregrinos, igual que en Ferreira.

Entre a Frouseira e o Castro -xa estamos en Mor, e na Seara do Alfóz- eran as cabalgadas do Mariscal e do Mudarra que o prendeu. Por aquí tamén andiveron os franceses, e aínda algún nos ficóu para a labranza. Despóis o sol colle para Lagoa e Santa Cruz: a unha encostada no Pereiro, O Cadramón e as Oiras, e a outra en Recaré, San Tomé e Vilacampa, onde os pazos e igrexas, por mor das alturas, deixan paso a unha vella parentela de dolmes, pedras chantadas e refuxios doutros tempos, alá cando os animais falaban e os homes eran gandeiros e cesteiros e as mulleres batían no liño e atizaban os fornos onde se fundía o mineral ou se cocía o barro para as cuncas. Aquelas xentes baixarían, digo eu, ao val, tardíamente, a medida que as augas se fosen retirando, e mudarían de cazadores e pastores en agricultores, asentándose os máis na ribeira, onde é hoxe o Concello de Alfóz, aproveitando os coutos para castros -Castrodouro, Budián, Santa Cruz, Recaré, San Tomé-, e deixando as grandas para o corzo, o cocho bravo e a caza menor.

As turbas e o ferro do Buio, os grafitos e os seixos das celosas cordilleiras que gardan o Valadouro, xunto cos multiformes granitos e lousas, fornecerían materiais indispensables para a civilización, tornando a cara agreste do país nunha paisaxe soberana e limpa, onde os propios deuses terían a gala de levantar a súa morada.

O que vaia hoxe polo Valadouro, en procura dese mar interior que se perdeu, que leve bon compango e mellor mapa, e no peto de arriba, o do corazón, a estampa do santo máis milagreiro. Pois a pouco que o bafo do río -dos mil ríos- se levante coa alborada, xa non hai salvación para o viaxeiro. Comezará a dar voltas en procura do camiño certo, e saberá que a terra é toda ela camiños; e tocado pola gracia da experiencia, xa non poderá sair deles.

Ese é un dos misterios do Grial. O premio que a vida reserva para os máis audaces.

Texto de Manuel Lourenzo (O Valadouro)
Director de teatro e escritor, Premio Nacional de Literatura Dramatica 1997
e outros máis de trinta galardóns



miércoles, 28 de julio de 2010

O XISTRAL


O XISTRAL (Óleo 81x54)

O Valadouro dispón dun tesouro… O Xistral, a serra de interposición entre a costa cantábrica e a Terra Chá. A xistra delata a presenza constante do vento húmido e xélido que aquí barre os cumios sen máis amparo que as rochas núas dalgúns picos. O Cadramón, os montes da Toxiza e os da Carba son os puntos máis elevados desta serra. Aquí están os reinos do vento e da néboa. A auga deposítase nas chairas elevadas, encharcando e creando os extensos depósitos de turba –turbeiras de “cobertor”–

A flora está representada singularmente pola Drosera Rotoudifolia e a Pinguicula S.P. prantas insectivoras, o toxo, os brezáis húmidos, carballos, bidueiras, acibros, piñeiros…

Na fauna destaca a presenza da rara lagartixa de turbeira, as aves rapaces coma o ratoeiro, o aguiucho cincento ou a arpella, mamíferos coma o lobo, o corzo e o xabarín, os cabalos salvaxes en liberdade son unha imaxe frecuente. O Xistral é a fonte do rio Eume na vertente atlántica e do Landro, Ouro e Masma na vertente cantábrica.

Mámoas, pedrasfitas, pedras “abaladoiras”, círculos líticos… son algúns dos tesouros neolíticos que garda o Xistral. O Prado das Chantas, a Pena Teixeira, o Círculo Lítico do Rego de Solloso, a cidade pétrea á sombra dos Penidos Vello e Novo, Granda Vella… algúns dos nomes de lugar.

Este conxunto xeográfico e arqueolóxico é toda unha lección de historia que corre o risco de destrucción pola ambición e a especulación de empresas con intereses bén diferentes; por iso é preciso dar a coñecer este recuncho e facelo popular denantes que aparezan sen avisar os de sempre coas súas escavadoras e os seus negocios dispostos impunemente a borrar do mapa unhas testemuñas definitivas para podermos comprender pasaxes da nosa historia máis antiga.


miércoles, 7 de julio de 2010

A TABERNA DO TARAVELO

"A TABERNA DO TARAVELO" (Óleo 64 X 50)

...á sombra de piñeiros e na beira da estrada, está en Recaré aquela casa alta e grande de amplas portas e xanelas pintadas dunha coor ocre-roxiza: A taberna do Taravelo ou "Caspepe"...lugar de parada para beber ou mercar. Era o taberneiro home algo desconfiado anque moi legal nas contas; de nacemento, tolleito das pernas e fillo de nai solteira; seu pai, fora un mestre de escola que estivera de escolante en Recaré. Sendo mozo, escomenzóu a traballar de zapateiro, con oito pesetas emprestadas, e aló pola década dos cincuenta, puxo a andar o que fói auténtico "centro comercial" da época onde as xentes dos arredores ían mercar o pementón envolvido en papel de estraza, o sal a granel para salga-los porcos na matanza, as velas de cera, o zucre e o arróz, caramelos, roscas e galletas, o "guano" para abona-las terras, viño a granel e gaseosas -de Casba Viloalle-, agullas para coser e carretes de fio, cadeas e cordel de esparto para prende-lo gado, pelas de bacalláu curado e aqueles arenques salgados que viñan en caixa redonda de madeira, cravos para ferra-las zocas, puntas de carpinteiro, aceite e xabrón, chisqueiros de mecha torcida e tabaco, profilácticos... e outras moitas cousas. Ás noites eran as partidas de tute e dominó e os torresmos con pan na compaña dun neto de viño ou dun quinto de cervexa "El León"... os homes, as risadas, os berros, as borracheiras e os xuramentos... namentras o televexo da taberna, en branco e negro, anuncia "O Persil"...

A roda do andacamiños vai xirando
SDFA

martes, 22 de junio de 2010

A LÚA NOVA DA CASTIÑEIRA

"A LUA NOVA DA CASTIÑEIRA" (Óleo 64 X 50 cm)

...a mesma lúa tamén alumeaba o camiño que ía ás terras de Valado e ás da Seara e Vilasuso,
seguía cara o Lamote e os prados de Mangói e Pontellas,
para rematar a súa andaina nos cómaros húmidos do Mollado e do Xancouso...
A roda do andacamiños vai xirando...
ghg

lunes, 14 de junio de 2010

"O HOME ARBORE"

"O HOME ÁRBORE" (Estarcido)
jhj
Un dos máis fortes símbolos de fertilidade, representa a enerxia masculina. As veces chamado o Home Verde,
aparece en varias figuras desde o deus Pan ata Herne Cazador...
jhj

viernes, 28 de mayo de 2010

Novo debuxo: O Carrexo

O Carrexo era o mellor troiteiro do Valadouro alo polos anos 60 e 70,
...ata que afogou no viño

viernes, 9 de abril de 2010

Novo estarcido da serie "A árbore da vida"


"A MULLER ARBORE"

Nai terra. E a forza vital que dorme debaixo da terra ata ser inseminada pola enerxia masculina do vento, a chuvia e o sol.

jueves, 11 de febrero de 2010

Novo estarcido

Despóis dunha serie de estarcidos que trataban temas variados, continuo con outros novos cuio tema xirará arredor da MULLER E O HOME (a súa natureza,o amor e o desamor, os soños, as fantasias…)

“A ARBORE DA VIDA” “NAMORADOS”

Máis colaxe

“ O CARBALLO” : Silvo do vento, rexo, forte, agarimoso e testemuña do tempo…

Incorpósase ao blog unha nova serie de colaxes

Coa técnica do colaxe – collage,papier collé (papel pegado),comezo unha série de obras de carácter sentimental, feita con imaxes que están perenemente retidas na miña memoria.

No reflexo do espello, o asentador das navallas, a maquinilla, a brocha e as tesouras, a cadeira xiratoria, as ledicias e as penas, a noite… e o BARBEIRO