miércoles, 7 de julio de 2010

A TABERNA DO TARAVELO

"A TABERNA DO TARAVELO" (Óleo 64 X 50)

...á sombra de piñeiros e na beira da estrada, está en Recaré aquela casa alta e grande de amplas portas e xanelas pintadas dunha coor ocre-roxiza: A taberna do Taravelo ou "Caspepe"...lugar de parada para beber ou mercar. Era o taberneiro home algo desconfiado anque moi legal nas contas; de nacemento, tolleito das pernas e fillo de nai solteira; seu pai, fora un mestre de escola que estivera de escolante en Recaré. Sendo mozo, escomenzóu a traballar de zapateiro, con oito pesetas emprestadas, e aló pola década dos cincuenta, puxo a andar o que fói auténtico "centro comercial" da época onde as xentes dos arredores ían mercar o pementón envolvido en papel de estraza, o sal a granel para salga-los porcos na matanza, as velas de cera, o zucre e o arróz, caramelos, roscas e galletas, o "guano" para abona-las terras, viño a granel e gaseosas -de Casba Viloalle-, agullas para coser e carretes de fio, cadeas e cordel de esparto para prende-lo gado, pelas de bacalláu curado e aqueles arenques salgados que viñan en caixa redonda de madeira, cravos para ferra-las zocas, puntas de carpinteiro, aceite e xabrón, chisqueiros de mecha torcida e tabaco, profilácticos... e outras moitas cousas. Ás noites eran as partidas de tute e dominó e os torresmos con pan na compaña dun neto de viño ou dun quinto de cervexa "El León"... os homes, as risadas, os berros, as borracheiras e os xuramentos... namentras o televexo da taberna, en branco e negro, anuncia "O Persil"...

A roda do andacamiños vai xirando
SDFA

2 comentarios:

  1. Tamen lle chamaban a casa do taravelo.Eu tiña que subir aquelas codenadas costas sempre que me mandaba a miña aboa na procura dalgun ingrediente que inoportunamente lle faltaba a ultima hora da mañá.que recordos!!

    ResponderEliminar
  2. Tal como o contas, a min recórdame a taberna da Ribadela,a dona chamábase Pacita e o home, Xosé Manoel de Reigosa? Tiña unha vista do val, fantástica. Meus tios tiñan un prado á carón do rio e cando segaban a herba seca, máis dunha vegada tiven eu que subir a cos costa coa garrafiña de viño para darlles un chiquito ós veciños que viñan a axudar. (No xantar casi se acababa o que traía miña madriña). Ah!! Qué mellor frigorífico que o rio, ataban a garrafa cunha corda e deixábana na auga!! Pepe Perdoa que me fun de lugar, pero veume á mente a Ribadela!!

    ResponderEliminar