viernes, 18 de noviembre de 2011

DO BOCETO AO MURAL

BOCETO PARA UN MURAL INFANTIL NO CEIP DE CERVO
14.60 x 2.30 m


MURAL INFANTIL NO CEIP DE CERVO
14.60 x 2.30 m

viernes, 17 de junio de 2011

O CRISTO DA INDIANA

(Óleo 100 x 40)

Cristo da Indiana, tallado en pedra, no medio e medio estás naquela encrucillada.

Quen foi o canteiro que te labrou?

Cantos paxaros pousaron nos teus brazos? rulas, merlos, paporrubios, xílgaros…

De cantas parolas, murmurios e namoros fuche testemuña?

Canta choiva, cantas treboadas e xeadas, cantas noites de luar, cantos dias de sol…, e ti sempre alí ollando o paso da vida e da xente que ven e vai e que se santigua ao pasar por diante de ti, Cristo da Indiana?

Cantos domingos ouviche tocar as campás? Cantos os dias da festa?

Cantas badaladas escoitache polos nosos defuntiños?

Polo inverno a túa imaxe vese nas poceiras, na primavera médranche as silvas ao teu carón cargadiñas de amoras verdes que logo trocaranse negras polo verán e no outono, milleiros de follas de cor amarela e ocre pardo caen aos teus pés .

Alí ao abrigo dos loureiros estás Cristo da Indiana. O pó dos tres camiños érguese en remuiños e facendo un nubeiro branco, o vento lévao cara ao Pazo, cara o Escorial ou as Searas.

Cristo da Indiana, se ti falaras… cantas historias, cantos contos esquecidos e cantos sucesos ledos e tristeiros saberias contar…, canta memoria?

Cristo da Indiana, que así che puxo o povo, porque a Indiana –así chamada– era a muller que te mandóu chantar na encrucillada, preto do Pazo onde vivía. Alí estás como testemuña do tempo, a túa historia é coñecida só polos máis vellos.

Dentro de cen anos, quen vai contar a túa vida?

Entre as Searas, o Pazo e o Escorial, Cristo da Indiana, alí estás chantado.

A roda do andacamiños vai xirando
.

lunes, 21 de marzo de 2011

ENTRE LUSCO E FUSCO

(Óleo 64 X 50)

Para o neno, os domingos pola tarde, era tempo de lecer. O campo da festa aínda tiña as pegadas da verbena do Sto. Cristo: as herbas esmagadas e resecas, chapas de cervexa e anacos de cigarros estrados polo chán, o palco dos músicos, feito de madeiros, que dalgún xeito, mantíñase en pé… Aquel domingo pola tarde, no campo da festa, coma de costume, había partida de bolos e os homes ao redor da laxe de pedra, agardaban que un dos xogadores lanzase a bola con forza para que os bolos de buxo chegaran ben lonxe. Xa quedaba pouco para o outono, o tempo dos magostos e dos porquellos que facían estragos entre o millo, e os dias xa era máis cativos… Canto leva chovido...!

Os domingos pola tarde, entre lusco e fusco, os homes, ían xogar ao dominó, á cociña da casa do cura. O neno, que ía co seu pai, obsérvao todo: o xogo, a colocación das fichas do dominó que facían improvisadas formas xeométricas, as caras dos xogadores e as súas mans fortes e encallecidas, as discusións do xogo -sempre polo baixo, naquela casa había que manter as maneiras-, o fume do tabaco, o televexo derriba da artesa… e o arrecendo aquel da cea que cociñaba Basilisa.

¡Branca! Dí un dos xogadores.
¡Paso! Dí o outro. Logo dun breve silencio, dí o terceiro:
¡Seis pito! Erguendo a man, e baixándoa con forza, o cuarto xogador peta coa ficha sobre a táboa, facendo desequilibrar as outras do xogo, e dí:
¡Pecho!
E así unha e outra vez…

No televexo derriba da artesa, en branco e negro, botaban a serie semanal “El Santo”, a mágoa era que as máis das veces saían dous rombos… e entón… como ía ver un rapaz de dez anos, aquelas “imaxes tan fortes”? Só quedaba irse para súa casa, cear algo e deitarse, que para o outro día era lúns.

¡O as dobre!
¡Eu dóbrome!
¡O as catro!
¡Pois eu domino!

Berraban os homes…

A roda do andacamiños vai xirando
.

sábado, 22 de enero de 2011

O CAMIÑO DE VALADO

(Óleo 54 X 138)

Sempre tiven curiosidade polo sigñificado dos topónimos dos povos, dos lugares, dos terreos…Valado é o nome dunhas terras de labranza preto da Estivada en San Tomé, cruzadas polo camiño do mesmo nome e que tén un fondo simbolismo para mín; érguese en forma dunha construcción vertical formada de pedras e terróns case inaccesible para persoas e animais, delimitando as terras de laboría. O Camiño de Valado comeza en Albite e vai ata encrucillada no Cristo; alí parten outros dous camiños, un que vai ás casas da Estivada e outro que vai cara ás Carballas.

O Camiño de Valado, no inverno, é lamacento; o camiñante, se non leva abrigo, verase exposto ás molladuras nos días de choiva e vendaval; polo verán vóltase polvorento e abondoso de amoras. É alto e fondo, ancho e estreito; tén sempre gravadas as rodeiras dos carros e as pegadas humáns e animais.

Dende o Camiño de Valado pódese mirar e ollar en tódalas direccións: ao sur vemos os montes de San Tomé e Frexulfe, ao norte Sta. Cruz e Ferreira, os montes do Buio e Budián e detrás deles o mar…

Dende a miña casa na Estivada o camiño semella un escenario polo que desfilan xentes que van a algures andando, en bicicleta, a cabalo ou guiando algún carro xunguido; nenos correndo… e pola noite vense luces que andan… No mesmo escenario, polas noites de San Xoán, arde a “caleira”, penso que sería neste espazo onde fixen as primeiras carreiras en bicicleta coas súas correspondentes caídas…

O Camiño de Valado, no seu treito ata Recaré, chámase tamén Camiño de Vilasuso, da Seara, do Escorial… Tén tamén dous cruceiros: o do Cristo –onde morreu un home esmagado debaixo do carro de bois– e o da “Indiana”, nome que pode que teña ligazóns coa emigración ás Américas.

Hoxe, o Camiño de Valado está fisicamente transformado por causa da concentración parcelaria, pero no meu maxín están sempre presentes dun xeito imborrable esas imaxes coa súa fermosura e encanto…


A roda do andacamiños vai xirando

.