sábado, 22 de enero de 2011

O CAMIÑO DE VALADO

(Óleo 54 X 138)

Sempre tiven curiosidade polo sigñificado dos topónimos dos povos, dos lugares, dos terreos…Valado é o nome dunhas terras de labranza preto da Estivada en San Tomé, cruzadas polo camiño do mesmo nome e que tén un fondo simbolismo para mín; érguese en forma dunha construcción vertical formada de pedras e terróns case inaccesible para persoas e animais, delimitando as terras de laboría. O Camiño de Valado comeza en Albite e vai ata encrucillada no Cristo; alí parten outros dous camiños, un que vai ás casas da Estivada e outro que vai cara ás Carballas.

O Camiño de Valado, no inverno, é lamacento; o camiñante, se non leva abrigo, verase exposto ás molladuras nos días de choiva e vendaval; polo verán vóltase polvorento e abondoso de amoras. É alto e fondo, ancho e estreito; tén sempre gravadas as rodeiras dos carros e as pegadas humáns e animais.

Dende o Camiño de Valado pódese mirar e ollar en tódalas direccións: ao sur vemos os montes de San Tomé e Frexulfe, ao norte Sta. Cruz e Ferreira, os montes do Buio e Budián e detrás deles o mar…

Dende a miña casa na Estivada o camiño semella un escenario polo que desfilan xentes que van a algures andando, en bicicleta, a cabalo ou guiando algún carro xunguido; nenos correndo… e pola noite vense luces que andan… No mesmo escenario, polas noites de San Xoán, arde a “caleira”, penso que sería neste espazo onde fixen as primeiras carreiras en bicicleta coas súas correspondentes caídas…

O Camiño de Valado, no seu treito ata Recaré, chámase tamén Camiño de Vilasuso, da Seara, do Escorial… Tén tamén dous cruceiros: o do Cristo –onde morreu un home esmagado debaixo do carro de bois– e o da “Indiana”, nome que pode que teña ligazóns coa emigración ás Américas.

Hoxe, o Camiño de Valado está fisicamente transformado por causa da concentración parcelaria, pero no meu maxín están sempre presentes dun xeito imborrable esas imaxes coa súa fermosura e encanto…


A roda do andacamiños vai xirando

.