lunes, 21 de marzo de 2011

ENTRE LUSCO E FUSCO

(Óleo 64 X 50)

Para o neno, os domingos pola tarde, era tempo de lecer. O campo da festa aínda tiña as pegadas da verbena do Sto. Cristo: as herbas esmagadas e resecas, chapas de cervexa e anacos de cigarros estrados polo chán, o palco dos músicos, feito de madeiros, que dalgún xeito, mantíñase en pé… Aquel domingo pola tarde, no campo da festa, coma de costume, había partida de bolos e os homes ao redor da laxe de pedra, agardaban que un dos xogadores lanzase a bola con forza para que os bolos de buxo chegaran ben lonxe. Xa quedaba pouco para o outono, o tempo dos magostos e dos porquellos que facían estragos entre o millo, e os dias xa era máis cativos… Canto leva chovido...!

Os domingos pola tarde, entre lusco e fusco, os homes, ían xogar ao dominó, á cociña da casa do cura. O neno, que ía co seu pai, obsérvao todo: o xogo, a colocación das fichas do dominó que facían improvisadas formas xeométricas, as caras dos xogadores e as súas mans fortes e encallecidas, as discusións do xogo -sempre polo baixo, naquela casa había que manter as maneiras-, o fume do tabaco, o televexo derriba da artesa… e o arrecendo aquel da cea que cociñaba Basilisa.

¡Branca! Dí un dos xogadores.
¡Paso! Dí o outro. Logo dun breve silencio, dí o terceiro:
¡Seis pito! Erguendo a man, e baixándoa con forza, o cuarto xogador peta coa ficha sobre a táboa, facendo desequilibrar as outras do xogo, e dí:
¡Pecho!
E así unha e outra vez…

No televexo derriba da artesa, en branco e negro, botaban a serie semanal “El Santo”, a mágoa era que as máis das veces saían dous rombos… e entón… como ía ver un rapaz de dez anos, aquelas “imaxes tan fortes”? Só quedaba irse para súa casa, cear algo e deitarse, que para o outro día era lúns.

¡O as dobre!
¡Eu dóbrome!
¡O as catro!
¡Pois eu domino!

Berraban os homes…

A roda do andacamiños vai xirando
.