sábado, 13 de abril de 2013

OS DOUS ACORDEONISTAS


 OS DOUS ACORDEONISTAS
(Óleo, 72,8 X 54)

Antes do 36, ”Marquesado” e “Xurucido”, os dous compadres e amigos da alma, compartiron moitas cousas… Os dous eran xóvenes, os dous eran viciños e pais de moitos fillos, os dous viviron e pasaron as mesmas penas e as mesmas ledicias, os dous traballaron a terra e tiveron o mesmo oficio de zoqueiros, os dous percorreron e pisaron os mesmos lugares e camiños, eles, terian a mesma ideoloxía ao posuir ámbolos dous a suscripción e a lectura do xornal editado en Vigo entre 1924 e 1979, “El Pueblo Gallego”, onde escribían as máis prestixiosas plumas do galeguismo e do republicanismo.

Naqueles tempos, os dous gozaron da mesma paixón: O seu amor pola MUSICA.
Era tan intensa a súa afección musical, que non pasaban dias sen que, no medio dos trafegos diarios, non adicasen un tempo ao lecer de tocar os acordeóns alí na cabana entre as anxolas e os trades do taller das zocas, facendo entreactos musicais para o pracer dos seus e coa comparsa dos ouveos caninos de Cascabel. Salóns de baile e moitas festas foron amenizados polos acordes melancólicos dos seus acordeóns.

Os dous foron persoeiros testimoniais nuns tempos de esperanza e ilusións, que viviron intensamente, aínda que logo, polas súas mortes prematuras e circunstancias históricas non poideron transmitir aos seus herdeiros.

Algún tempo, os dous amigos da alma trazaron un camiño e soñaron unha utopía: un, Eliseo Expósito, “Marquesado”; o outro, Xosé Blanco Ares, “Xurucido”… o meu avó.


A roda do andacamiños vai xirando